COSTRADA DE XAMÓN E QUEIXO DO CEBREIRO
Ingredientes para 4 persoas:
Para o recheo:
300 g. de xamón
200 g. de queixo do Cebreiro
100 g. de manteiga
1 xema de ovo
Para a pasta:
200 g. de fariña
200 g. de manteiga
sal
1 ovo
1 xema
Preparación:
Faise coa fariña un montonciño sobre a táboa, ábrese un burato no centro e vértese nel a manteiga derretida, unha xema, un ovo enteiro, un chisco de sal. Amásase rapidamente ata que todos os ingredientes queden ben mesturados e déixase repousar a masa durante media hora. Esténdese a masa formando unha folla non moi fina e reservando un pouco nas beiras. Pícase o xamón en anacos grosos e cóbrese con el o fondo do molde xunto con algúns petiscos de manteiga. Nunha fonte fonda mestúrase o queixo cunha xema de ovo, sálgase e bátese durante uns minutos. Esténdese unha capa desta mestura encima do xamón e coa masa sobrante fórmase nas beiras un cordón, esmagando ben coa punta dos dedos. Coa masa que se reserve fanse uns cordóns moi finos cós que se forma unha reixa na parte superior da costrada. Métese no forno quente e déixase cocer durante corenta minutos. Antes de cortala hai que deixala arrefriar.
CREMA DE AGUACATES
Ingredientes para 4 persoas:
2 aguacates ben maduros
40 g. de queixo do Cebreiro
1 ovo duro
1/2 l. de caldo de carne
1/4 l. de nata líquida
1 limón
sal
Preparación:
Pele os aguacates e quítelles os ósos. Páseos polo batedor co queixo, o caldo e o zume de limón ata obter unha crema suave. Quéntea, engada a nata e sazónea co sal. Sírvaa en cuncas de consomé salferida co ovo picado moi miúdo.
CREMA DE LEITUGA
Ingredientes para 4 persoas:
2 leitugas
80 g. de queixo do Cebreiro
2 patacas medianas
1/2 l. de leite
40 g. de manteiga
sal - pementa - perexil
Preparación:
Férvense as patacas partidas en auga con sal. Cócense as follas de leituga ó vapor. Pásanse polo batedor co queixo, as patacas, a manteiga e o leite ata obter unha crema fina; sazónase a crema con sal e pementa. Pode servirse quente con cadradiños de pan frito ou ben fría, zarrapicada con perexil picado.
CREMA DE LICOR Ó QUEIXO
Ingredientes para 4 persoas:
320 g. de queixo do Cebreiro
2 ovos
5 culleradas de azucre
3 culleradas de ron
1 cullerada de zume de laranxa
1 cullerada de zume de limón
1 sobre de vainilla
reladura de limón e laranxa
Preparación:
Mesture o queixo coas xemas de ovo, o zume de laranxa, o zume de limón e o ron. Bata as claras a punto de neve, engada o azucre e a vainilla e mesture coa preparación anterior. Reparta a crema en copas e adórneas coa reladura de limón e laranxa.
VARIAS RECETAS
domingo, 20 de septiembre de 2009 | Publicado por Encarna Lago en 10:16
Etiquetas: RECETAS EN GALEGO
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario